Arturo

Casas Vales, Arturo

Profesor Titular de Universidade

arturo.casas@usc.es

Son profesor titular de Teoría da literatura e Literatura comparada (1998) acreditado como catedrático desde 2013. Coordinei o programa de doutoramento TLLC entre 1999 e 2004. Son membro do Instituto de Literatura Comparada Margarida Losa da Universidade do Porto e fun profesor visitante na Université de Bourgogne, University of St Andrews, City University of New York e Universidad Nacional Mar del Plata, así como docente en actividades de posgrao ou doutoramento nas Universidades do Minho, Barcelona, Zúrich e Verona, entre outras. Dirixín oito teses de doutoramento, todas avaliadas coa máxima cualificación. 

Unha parte da miña investigación está dedicada ao pensamento estético, teatral e literario de Rafael Dieste e á súa produción en relación cos núcleos de acción cultural e política nos que participou durante a ditadura de Primo de Rivera e a República. Estudei así mesmo as condicións do exilio desde unha perspectiva próxima á socioloxía dos intelectuais.

Un sector amplo das miñas publicacións ten que ver coa teoría do poema e a crítica de poesía, sobre todo a galega e a española contemporáneas. Con particular delimitación á poesía crítica e á súa inscrición na esfera pública, dirixín varios proxectos de investigación financiados por organismos estatais. As bases de datos http://www.poesiagalega.org/ e www.bd-poespublic.org son resultado dese labor. 

Teño traballado asemade no ensaio como modalidade discursiva, tanto desde un punto de vista teórico como analítico. Tamén nas relacións entre literatura e outras artes, en particular fotografía e pintura.

As áreas nas que publiquei con maior asiduidade en tempos recentes son a teoría da historia literaria e as alternativas da historia literaria comparada. Tamén me interesa a aplicación do anterior ao espazo ibérico e en xeral o desenvolvemento actual dos estudos ibéricos. E, igualmente, as vías para unha renovación da historiografía literaria, con particular atención á galega.

Dirixín durante os primeiros anos da súa traxectoria (2011-2015) o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes da USC, conformado por oito grupos de investigación en humanidades e ciencias sociais, e participei en equipos de tradución de poesía desde distintas linguas a galego e a español.  

Curriculum

Publicacións