A inscripción da memoria cultural no espazo público: estratexias de consumo institucional do pasado literario (1837-1978)
Comezo | Fin:
Financia: MICIN
Código do proxecto: PID2021-127259NB-I00
Investigadora responsable: María do Cebreiro Rábade Villar
Proxecto da USC Proxecto abertoO principal obxectivo do proxecto é examinar criticamente o funcionamento de dez estratexias de memorialización asociadas ao patrimonio literario español na época contemporánea, dende a orixe do Estado liberal até os anos setenta do século XX. Limitámonos agora a enumerar esta serie de estratexias: a) museificación; b) monumentalización; c) nominalización; d) escolarización e academización; e) fetichización; f) espacialización literaria; g) panteonalización; h) espectacularización; i) literaturización memorial e j) calendarización. Para garantir a viabilidade da investigación, operarase sobre a cultura memorial xerada por un corpus de escritores que se pretende sexa a un tempo acotado e consistente. Trátase, en concreto, de encarar os usos institucionais vencellados ao legado literario de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873), Rosalía de Castro (1837-1885), Gustavo Adolfo Bécquer (1836-1870), Emilia Pardo Bazán (1851-1921) e Manuel Curros Enríquez (1851-1908). Sendo a produción da posteridade un obxectivo a miúdo implícito á creación de calquera obra no estado liberal moderno, o proxecto comezará por prestar atención ás estratexias de supervivencia literaria dos escritores analizados. Ao mesmo tiempo, concederá especial énfase aos mecanismos de mediación cultural e institucional que teñen afectado á postvida destes cinco autores, o que, de paso, permitirá calibrar a cercanía ou distancia dos seus respectivos proxectos autorais con respecto ás posteriores estratexias de memorialización ensaiadas para eles polos seus legatarios e/ou polas institucións culturais. O proxecto proponse abordar, en suma, a esa forma de consumo institucional do pasado denominada mnemohistoria, definida por Marek Tamm como “a rearticulation of the traditional relationship between the past, present and future, broadening historiography’s range from studying past events to their later impact and meaning” (2015: 8).