Presentouse a base de datos de P(O)ESPUBLIC, poesía no espazo público
A web é dos resultados do proxecto de investigación "A poesía actual no espazo público. Intervención, transferencia e performatividade", que coordina Arturo Casas.
Vén de presentarse na rede a base de datos P(O)ESPUBLIC, cun completo índice de autoras/es e obras que compoñen unha da completa ferramenta bibliográfica coa que orientar a todas as persoas que estuden a poesía contemporánea nun marco amplo que atenda as novas prácticas e linguaxes, especialmente as relacionadas coa intervención poética no espazo público.
Esta base de datos ofrécese como un dos resultados do proxecto de investigación A poesía actual no espazo público. Intervención, transferencia e performatividade, que contou con financiamento público a cargo do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España (FFI2012-33589), desenvolvido entre os anos 2012 e 2016 por un amplo equipo internacional composto por especialistas en estudos literarios e culturais de once universidades pertencentes a un total de sete países.
O obxectivo principal da base de datos consiste en servir de orientación, non só bibliográfica, para quen traballe no campo da poesía contemporánea desde unha perspectiva non limitada por coordenadas lingüísticas ou culturais demasiado específicas e que traten de analizar a fondo esa condición crítica e pública das novas prácticas poéticas ás que se fixo referencia.
O equipo completo do proxecto estivo integrado por Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo), Ben Bollig (St Catherine's College, University of Oxford, RU), Mônica A. Heloane Carvalho de Sant'Anna (Universidade de Vigo), Arturo Casas Vales (Universidade de Santiago de Compostela [USC], investigador principal), Daniel F. Chamberlain (Queen's University, Kingston, Canadá), Ana Chouciño Fernández (USC), Alba Cid Fernández (USC), Jo Crow (University of Bristol), Walfrido Dorta Sánchez (City University of New York, EUA), Cornelia Gräbner (Lancaster University, RU), María Grandío Montes (USC), María Cecilia Graña (Università di Verona, Italia), Isaac Lourido Hermida (Universidade Nova de Lisboa), María Clara Lucifora (Universidad Nacional de Mar del Plata, Argentina), Laura Mariño Sánchez (Universidade da Coruña), Felipe Otondo (Lancaster University, RU), Gabriel Pérez Durán (Universidade de Vigo), Iratxe Retolaza Gutierrez (Euskal Herriko Unibertsitatea) e Vivian Torres de Mello Rangel (USC).
A iniciativa para a preparación desta base de datos recibiu igualmente apoio económico do Grupo de Investigación Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, que destinou fondos procedentes do Programa de consolidación e estruturación de Unidades de Investigación Competitiva da Xunta de Galicia (convocatoria de 2014). A asistencia técnica do proxecto estivo a cargo da Consultoría Tecnolóxica Dimensiona.
POESPUBLIC foi a continuación do proxecto de investigación El discurso no-lírico en la poesía contemporánea: espacios, sujetos, hibridación enunciativa, medialidad (2009-2012), que contou con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España (FFI2009-12746). A continuación directa de POESPUBLIC é agora o proxecto Poesía actual e política: Análise das relacións contemporáneas entre produción cultural e contexto sociopolítico (POEPOLIT, 2016-2019), financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad do Goberno de España (FFI2016-77584-P). POEPOLIT pretende estudar o carácter político de certas expresións poéticas actuais, pero tamén o estado da efectividade e aplicabilidade da noción do político para a análise da poesia. Trátase de integrar os resultados dos proxectos DINOLIPOE e POESPUBLIC en análises de casos correspondentes aos contextos sociopolíticos hispanoamericano, lusófono e anglófono, mais igualmente con incursións nos ámbitos español, francófono, galego, xermanófono e vasco.