Volver á listaxe

Pesar polo falecemento do profesor Mario J. Valdés

Pesar polo falecemento do profesor Mario J. Valdés

Mario J. Valdés, Profesor emérito no Centre for Comparative Literature da Universidade de Toronto, faleceu o pasado 26 de abril de 2020. Dende o grupo de investigación queremos manifestar o noso pesar pola desaparición dunha figura fundamental dos estudos literarios contemporáneos, que tanta vinculación tivo con moitos dos nosos proxectos de forma sempre tan xenerosa.

 
Nado en Chicago o 28 de xaneiro de 1934,  Mario J. Valdés doutorouse na Universidade de Illinois antes de empezar a traballar como profesor de Literatura Española na Universidade de Toronto en 1963. En 1978 converteuse no primeiro director do Centre for Comparative Literature desta Universidade. 
 
Nos inicios da súa carreira académica o profesor Valdés interesouse pola figura de Miguel de Unamuno, sobre quen publicou varios libros. Ademais publicou gran cantidade de artigos e libros sobre fenomenoloxía e hermenéutica nos estudos literarios. A mediados dos 90 iniciou unha monumental serie de volumes de varios autores sobre a Historia da Literatura Comparada. O proxecto resultou nos tres volumes de Literary Cultures of Latin America: A Comparative History (co-editado por Mario J. Valdés e Djelal Kadir, Oxford University Press, 2004), e nos catro de History of the Literary Cultures of East-Central Europe (editado por Marcel Cornis-Pope e John Neubauer, 2004). A académica Linda Hutcheon, que traballou con el de perto nesta empresa, describiuna como “o típico proxecto de Mario: innovador, ambicioso, grande en escala e comparativo na súa esencia”.  (link)
 
O traballo de Mario J. Valdés na Universidade de Toronto converteu o Centre for Comparative Literature nun epicentro internacional do que saíron algúns dos estudos máis innovadores da teoría literaria do seu tempo. Alí xuntou pensadores e profesores como Paul Ricoeur, Hans-Robert Jauss, Wolfgang Iser, Frederic Jameson, Tzvetan Todorov ou Gérard Genette. Aínda que se retirou da Universidade no 1999, continou a ter unha importante presenza no Centro e tamén no Departamento de Lingua Española e Portuguesa, dende os que colaborou en varios estudos e proxectos conectados á Universidade de Santiago de Compostela.