Volver á listaxe

Lance Weiler en Galicia

Lance Weiler en Galicia

Proximamente teremos unha cita na USC co cineasta norteamericano Lance Weiler, un dos pioneiros da narrativa dixital e transmedia.

 

 

A conferencia será o mércores 29 de novembro ás 19:30 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados (Parque de Vista Alegre, Santiago de Compostela), co título “Digital Storytelling: How to Process Literary Contemporary Texts and Technology into Collaborative Creative Experiences“, no marco das actividades do Foro “Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades”.

 

Acreditarase a asistencia a todas as persoas participantes que o soliciten. A actividade está recoñecida como formativa para o alumnado do PD en estudos da literatura e da cultura.

 

O cineasta Lance Weiler comezou a súa carreira como asistente de cámara en filmes comerciais en Pensilvania, de onde é orixinario, e Nova York. É fundador e dirixe desde o 2013 o Digital Storytelling Lab na Universidade de Columbia.

 

Pola súa traxectoria, constitúe unha das principais referencias internacionais no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a Internet e procedementos dixitais e colaborativos. Foi un dos artífices de "The Last Broadcast" en 1998, o primeiro filme retransmitido de forma dixital. No 2005 dirixiu Head Trauma, estreado en Los Angeles Film Festival o ano seguinte. É membro do Cinema Research Institute e profesor na universidade de Columbia sobre arte e narratoloxía no século XXI.

 

Ao longo da súa carreira no mundo do cinema, colaborou con directores de fotografía como Conrad Hall, Darius Khondji e Harris Savides. Así mesmo, participou en varios proxectos de carácter transmedial, con recurso á Intelixencia Artificial, a formas de realidade virtual ou aumentada e á denominada Internet das cousas (Internet of Things) con directores da proxección de David Cronenberg, Gore Verbinski, Marshall Herskovitz e Ed Zwicker. Destaca tamén na súa traxectoria o labor como consultor e asesor en distintas iniciativas de foros e entidades como o Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos.

 

No 2011 realizou "Pandemic", unha experiencia transmedia para móbiles, web e directo, e no 2013 creou unha narración-xogo inmersivo co título Body/Mind/Change, en colaboración con David Cronenberg, o Toronto International Film Festival e o Canadian Film Center media lab. Desde aquela participou en adaptacións inmersivas de Sherlock Holmes e Frankenstein. "Sherlock Holmes & the Internet of Things" ten máis de 2,500 colaboradorxss de 60 países. Agora está a traballar xunto a outros creadores nunha versión inmersiva do Frankenstein de Mary Shelley con intelixencia artificial e aprendizaxe tecnolóxica: "Frankenstein AI: a monster made of many".