Celébrase en Santiago o IX Simposio de ASETEL, logo da súa suspensión en xaneiro
O IX Simposio da Asociación Española de Teoría de la Literatura (ASETEL), que se ía celebrar o pasado 28 e 29 de xaneiro pero tivo que ser suspendido polas restricións a causa da Covid-19, terá lugar ese xoves 8 e venres 9 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC, coordinado desde a área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada polos profesores Anxo Abuín González, Paulo Antonio Gatica Cote e María do Cebreiro Rábade Villar.
As actividades do IX Simposio de ASETEL (conferencias, ponencias e debates) tratarán do indubidable contaxio teórico-práctico entre a literatura e outros medios de comunicación, da idea de novidade que adoita aparecer en calquera interrogación sobre os new media máis alá do soporte analóxico ao dixital, da brevidade como espazo privilexiado para a xenología que nos obriga a cuestionar o aspecto «material» e pragmático do concepto de literatura, e do estado das investigacióms literarias e culturais baixo unha óptica global.
O IX Simposio de ASETEL atende estes asuntos e ofrécese como espazo de reflexión sobre a actualidade e visibilidade da propia disciplina na sociedade dos medios; as relacións intermediais e transxenéricas en contornos e formatos que nos obrigan a cuestionarmos determinadas concepcións auráticas e institucionais da literatura; o debate terminolóxico e clasificatorio das formas breves contemporáneas, as súas coordenadas transxenéricas, o seu carácter híbrido e a súa apertura a fenómenos tecnomediáticos; e os aspectos socioeconómicos e culturais que condicionan os estudos literarios desde distintas perspectivas (estadounidense, europea e española).